17/05/13

Quero



Na profundidade dun peito
loito e latexo.

Quero sentir o gromo,
canto antes,
mais perdo folgos e pido,
en silencio,
que uses a túa visión de raios x
na miña fronte,
que te tornes Kitty Pryde
contra as miñas costelas.

Le, entre os labirintos da miña mente
regálame, regálate,
e fagamos que estouren os cránios máis duros
coas mans prendidas
e os beizos ocupados.



Feliz día das letras! :)

15/05/13

Remakes

Hai tantas cousas que pensei que lembraría vivamente
que non me molestei en gravalas a ferro nos miolos.
Síntoas coma o comezo dun libro,
esas liñas estrañas nas que me perdo irremediablemente
antes de dar coñecido aos meus compañeiros de viaxe.
Seméntanse dúbidas nos recordos,
fanse ficción,
e pregúntome en que quedarán,
co tempo,
cos remendos.

08/05/13

Un novo debuxo

Gústame moito debuxar con raias finiñas, supoño que vos daríades conta. Tamén me gusta facer probas de anatomía (unha nunca practica abondo a anatomía) así que me propuxen facer unha serie que comeza co debuxo que vos traio hoxe. Espero que vos guste!


Primeiro, un boceto tirado dun libro de fotografía. Escollín este porque a muller tiña un corpo natural e gustoume a idea de xogar con plegues na pel e formas redondeadas. A foto era pequena, menos dunha cuartilla, pero tiña á muller enteira ollándose nun espello no chan. Calquei os contornos para poder facer liñas de referencia e logo trasladeino a unha folla en A3.


As liñas de fóra son a parte fácil. Fágoas primeiro para facerme mellor a idea de por onde comezar... pero a cousa acaba sendo máis que aleatoria, a verdade.


Aí podedes ver un par de detalles e o traballo comezado. Perde moito realismo, pero esta é a idea. Un pouco coma unha macrotatuaxe, supoño!

 

Velaquí o resultado de varias tardes de raíñas! Sempre hai zonas que me gustan máis ca outras, pero probando se aprende!

03/05/13

Medran edificios



En Vigo, medran edificios.
Deles saen cámaras e faldriqueiras,
herrs,
gentlemans,
e,
supoño,
tamén
señoras.

01/05/13

Abril en fotos

Un mes máis fotografiado. Un mes de propósitos, tamén: propúxenme mover o cu e, polo de agora, estouno cumprindo. Axudou ese bo tempiño que tivemos, a pesar do refresque posterior que esperemos que traia unha boa primavera! Polo de agora, a primavera veu cargada de polen. Maldita. Pensando en positivo, que hai mellor que comezar un mes cun festivo que cae a metade de semana? Feliz semanus interruptus! Feliz día do traballo!



26/04/13

No salón da miña irmá


Familia - Sabela González

Igual que no meu salón colguei este Nadal un cadriño que fixen experimentando, polas mesmas datas de 2011 fixen este outro experimento, o agasallo que lles din a miña irmá e meu cuñado. Non sei se o colgaron xa, pero por alí o teñen. Para que lles lembre o deserto, pero, sobre todo, para que lles lembre a familia. Vai cun poemiña pequeno, cinco versiños (para cinco liñas) que o certo é que non lembro... Está onde é importante, onde o pode ler quen o ten que ler.
Seguro que hei facer máis, por agora, o tempo escasea. E iso, normalmente, é bo.

ETIQUETAS